Gracias (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/01/2001)

Hai meses, un alumno contoume o seu caso: rematara o primeiro ciclo de formación universitaria e quería continuar os cursos superiores, pero —dixo— “a cousa está mal pola casa”; de maneira que lle daría a vida compaxinar traballo con asistencia ás aulas.
Examineino de coñecementos alén dos propios do curriculum universitario e axiña detectei entre eles certa habelencia de moito valor. O caso, logo, era doado —todo o contrario de outros que obrigan a pedir favores.
Neste, pór o demandante en contacto coas empresas sería un favor para estas.
Pedinlle logo os datos persoais e non demorou en facermos chegar vía correo electrónico, foto incluída como agora se fai.
Reenvieinos ás empresas, e pasou o tempo.
O suposto recomendado veume ver: estaba xa en negociacións, pero coa dificultade dos horarios. Non atopaba quen lle ofrecese flexibilidade para poder seguir estudiando.
Volvemos logo actuar, desta vez usando o teléfono.
Seguiu a correr o tempo e, calquera día, apareceu o mozo polo laboratorio onde eu me encontraba cunha cara de grande satisfacción, bela mostra de xuventude decidida:
Conseguira o emprego que quería, de media xornada.
Deille os parabéns e pedinlle dar memorias da miña parte ao seu novo xefe, empresario valente e triunfante.
Daquela o novo empregado quitou da carteira un exemplar de Os dous de sempre, cunha dedicatoria: “Nalgunhas ocasións, as persoas necesitamos de horas de conversa para comprendernos. Noutras, afortunadamente, poucas palabras son suficientes. Gracias”.
Gracias a ti, rapaz.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*