A pantasma (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/01/2001)

Madrid con chuvia, cidade imposible, apiñada, apelotonada, repleta: hora e cuarto de Barajas á Castellana, seis mil pesetas de conta de taxi.
Desarranxada a reunión polo atraso, téntase unha aproximación aos negocios en lugar público, cafetería de hotel elegante. Por unha estraña coincidencia, xorde o nome dun personaxe que fora inmensamente poderoso e xa non o é, porque morreu deshonrado.
Quen fala del tamén tivo poder, que conserva en vivo. Ao falar do outro lanza un ameazante “arrieiros somos e no camiño habémonos atopar”; e explica polo que axudou a mover fíos ata conseguir o descrédito e o xuízo do contrincante nos negocios.
O seu rostro amable, luminoso, endurécese, faise sombrío ao lembrar un pasado de beautiful people, da España do “pelotazo”, país sinistro no que -asegura- “se calou de máis”.
A atmosfera da conversa acedouse e o resto dos presentes fora calando, a remoeren os efectos dun axuste de contas nas alturas, cando de súpeto, como volto da ultratumba do papel impreso e as fitas magnéticas, aparece un suxeito calvo, alto, atlético, vestido de gris prudente cunha imprudente gravata branquinegra de listas a xeito de frecha.
Amedo -pronuncian varias bocas nun tremor, e todos os ollos buscan a pantasma do pasado recente.
-Se ese tipo non se vai de aquí, é mellor marcharmos -suxire alguén en ton nervioso.
Mais, por fortuna, o excarcerado vaise e, con el, desaparece o temor aos reporteiros gráficos, á foto inconveniente, á proximidade que mancha…
Non hai leis máis duras cás non escritas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/01/2001]

Share

Deixar unha resposta