A inmensa farsa cristiá (V Centenario da Reforma Protestante)

O ano pasado, durante varios meses tiven o pracer de mergullarme no orixinal dunha obra literaria difícil de superar. Non debo dar o seu título nin o nome do autor porque aínda está en proceso de revisión.

A causa do mergullo é que un amigo me fixo a honra de deixarme ser o seu “mulato literario”, por dúas razóns: o meu interese polos fenómenos relixiosos e o meu coñecemento in situ da chamada Terra Santa. Con liberdade total, como corresponde ao caso, fixen centos de notas no orixinal, tanto sobre cuestións de estilo como de xeografía, historia, doutrina, socioloxía…

Seiscentas páxinas DIN A4 a dobre espazo con letra de tamaño 11 correron baixo os meus ollos avidamente, con ansia de ler a seguinte e a necesidade de escribir frases laudatorias. Nunca tan claro alegato vin contra as figuras míticas de Xesús Cristo e os que o rodearon na breve vida que tivo; poucas veces vira obra que entrelazase con tal xeito as experiencias dun viaxeiro e os comentarios sobre os lugares visitados e os personaxes ligados a eles.

A miña dedución foi que o cristianismo é o invento dun xudeu iluminado, Saulo de Tarso, quen aproveitou unha figura mínima na historia do pobo de Israel, o tal do Nazareno. A través dos xudeus expatriados polo Imperio Romano, a fantasía do Saulo converteuse en doutrina explicada en grego ata pasar a ser relixión oficial imposta en latín… Nun café típico de esquina en típica praza, o autor resumiume o seu traballo de varios anos, moitas viaxes e mil lecturas: “O cristianismo é unha inmensa farsa”.

Así chegamos a 2017, ano en que se cumpren os cincocentos das proclamas de Lutero que deron lugar á Reforma Protestante. E o meu corazón divídese: sinto a necesidade de escribirlle ao Papa de Roma, á Raíña da Inglaterra e ao Rei da Noruega para lles dicir que os considero uns pallasos –si, xente de palla– por seren a cabeza visible de algo no que non poden crer porque é absurdo (como comprenderían se lesen o libro ao que me refiro); mais tamén sinto ganas de me abrazar ao meu pai, católico erasmista, e ao meu “segundo pai”, loitador evanxélico. Falo de dous homes sensibles, intelixentes e crentes malia a brutalidade con que a vida os tratou.

¿Como se pode acreditar en calquera superstición? ¿Como se pode aceptar todo o que o cristianismo nos ensina cando non sabemos se tales ensinanzas estaban na orixe da relixión? ¿Como se pode dividir o mundo cristián primeiro entre un Oriente Ortodoxo e un Occidente Católico para logo este se subdividir por deriva ao protestantismo, que, á súa vez, se subdivide nunha miríade de igrexas?

Cústame entender que tanta guerra houbese entre cristiáns por cuestións doutrinais e que, ollando dentro de España, xa na primeira constitución –a de Cádiz– se puidese escribir que “a Relixión Católica, Apostólica e Romana é a Única Verdadeira”.

O cristianismo cheira a inmensa farsa adubada con intereses políticos e económicos; e o seu cisma levou á división de Europa en dúas: a católica, atrasada, temerosa da Ciencia, e a protestante, avanzada, dona da Ciencia e a Tecnoloxía.

Como me dicían os amigos evanxélicos –cos que andei e facer Historia novelada–, o protestantismo nacido nos comezos do século XVI impide que os crentes sexan analfabetos, pois teñen que ler os Libros Sagrados para os comentaren. Iso marca unha grande diferenza. Permite dicir que o protestantismo é máis progresista có catolicismo romano.

Revisando o cristianismo, como o xudaísmo do que naceu (ou calquera outra relixión), a mente sen medos so pode ver un inmenso baleiro; e concibir preguntas que os crentes nunca darán respondido. Velaí como se inicia o ano do V Centenario da Reforma coa descuberta de varios exoplanetas habitables por seres semellantes aos humanos, e axiña salta a cuestión: ¿Xa andaría Cristo –ou o seu equivalente– por algún deles?

Mais sexa o cristianismo unha grandísima farsa ou non, debemos un respecto aos cristiáns, ás persoas como quen foi o meu pai, don Miguel Alcalá, médico en hospital de campaña e forense, farto de ver morte sen divina axuda, e como é o meu “pai de acollida evanxélica”, don Manuel Molares, quen penou duramente na guerra fratricida e na falsa paz da posguerra franquista pola súa condición de evanxélico.

O cristianismo como modo de vida, aínda dominado por algo tan incomprensible coma a fe en Xesús Cristo, ben merece toda a atención dos humanistas. A efeméride luterana debería servir para repasarmos o que condicionou a vida de Europa e de múltiples países de misión. E, se cadra, podería servir para que todos os cristiáns volvesen ás orixes á procura do reino da caridade e a paz que supostamente predicou o “xoguete do Saulo” (segundo o texto que enchín de suxestións e comentarios).

Share

Deixar unha resposta