Poetisas (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/01/2001)

Con dereitos de vello á anécdota, conto a daquel inacabable xantar de cregos no verán, un día de Santa Marta: asistía a el un rapaciño con oficio de acólito en vacacións, que mal encaixaba entre homes maiores e ensotanados. Obrigado polas boas maneiras a non fuxir cara á praia próxima, o adolescente observaba, disposto a gardar o momento na memoria.
Así foi como escoitou a frase reveladora, pronunciada polo máis vello daqueles varóns sabios: “Mulleres: iso é o mellor que un leva desta vida”.
Probablemente. Porque da vida a un só lle van ficando os momentos de cariño, e nada hai tan cariñento coma a mai, a aia, a irmá, a amiga, o amor dos amores…
Recibo amable convite de Xosé Aguilar a participar nun programa sobre poesía feminina e dígolle o que penso con sinceridade: non debo ser eu, quizais, quen vaia falar de algo tan importante. A penas sei de poesía en xeral e de mulleres non dei aprendido o que debería.
Hai moito tempo, cando a ilusión era unha constante vital, tentei facer poemas pero –volvo contar– Ramón Piñeiro deume opinión clara: “Ti imitas ben os poetas”.
Desde aquela retireime deses intentos sen fortuna e seguín a ler o producto das mentes poéticas. Lin e confundín os valores do lido: non teño criterio para avaliar traballos poéticos. Só sei gozar con eles, sen saber explicar o porqué de tal gozo.
Canto ás mulleres poetas diría que faltan tantas como prosistas.
Pero outros poden falar. Ao Xosé deille dous nomes: Vicente Araguas e Xulio López Valcárcel, poetas, críticos e mulleristas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*