Sen chuvia (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/01/2001)

Domingo feliz dentro das cotiás infelicidades: hai vinte anos anunciábase un acto no escritorio do alcalde da Coruña, daquela Domingos Merino, que sufriría alteracións por culpa dun golpe de estado. Tratábase da entrega oficial do galardón máis importante da literatura galega, o premio Cidade da Coruña.
En domingo sen chuvia acabouse a enésima revisión da sexta edición da novela galardoada…
O día de respiro nese traballo de revisar probas comezou con desexos de ver Natura nos seus poderes, con luz -tanta que obrigaba a pór filtros nos lentes.
De camiño a Arteixo, aos cabalos e ás excursións, a radio entrevistaba un responsable da doazón de sangue:
O Impaís non é insolidario, entrega tanto sangue como recomenda a Organización Mundial da Saúde. Polo momento non se ve como meta atinxible a fabricación de sangue artificial, e cómpre seguir doando -como fan moitos rapaces xenerosos; e como debían facer moitos adultos, principalmente os que producimos fluído vital do grupo 0 e con factor Rh negativo.
Sorría o sol, vimos que aínda non se espiron de follas moitas plantas cando noutras comezan a agromar. E tivemos conversas sobre os Reis Magos, as rebaixas e os costumes populares.
Disque agora se celebran “primeiras comuñóns civís”, equivalentes á festa relixiosa. Pero sen crego.
Alguén, cabalgando, preguntouse quen ha de oficiar: alcalde non entrará en cousas de cativos. Nin concelleiro.
Se cadra, para as novas comuñóns, pode servir un xefe de negociado…
Cousas veremos. E, aínda máis, con sol.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/01/2001]

Share

Deixar unha resposta