Marxinais (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/01/2001)

Á noite xuntouse na miña casa un grupo de mozos e mozas que me convidaron a cear. Por retribuír, convideinos a viño pero non aceptaron, para o meu desgusto. Só me fica a esperanza de que, cos anos, se encarreiren no bo beber…
A conversa, sobre pizzas, pasou polo diluvio, as aldeas dos avós, a tensión lingüística, a estatua de Franco, “o pirulí do Paco”, as vacas tolas, a homosexualidade, os xitanos, os inmigrantes clandestinos e algo máis que se me perde na memoria.
Os conversantes tiñan formacións que pasan pola antropoloxía, as ciencias políticas ou a medicina, e coñecen mundos que van desde a Galicia profunda ao máis profundo dos Estados Unidos.
Con eses backgrounds, produciron resumos que apetece recoller:
Homes e mulleres namóranse persoa a persoa alén do sexo; e, tendo todos tendencias bisexuais, non se debe coutar as recomposicións de parellas ao longo da vida.
Cadaquén ten un dereito inalienable a aceptar ou rexeitar as pautas xerais de comportamento, pero que non vale a ambigüidade representada polo marxinal que non paga impostos e reclama beneficios da seguridade social.
Fronte á avalancha de novos marxinados na sociedade española, os xitanos non van facer grandes esforzos pola integración cos paios. Han seguir no seu, mentres os invasores terán unha actitude cara á fusión, fácil para os iberoamericanos. Os novos españois, no futuro, han considerar os xitanos como marxinais malia a súa vella presencia no solar hispánico…
Como verá o lector, tomei nota.
Se fose político, faría algo máis.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/01/2001]

Share

One Comment

  1. Pingback: A Beatriz (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/01/2001) - Xavier Alcalá

Deixar unha resposta