Libertarios (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/01/2001)

O malo da vida é que se acabe, porque ás veces parecería como se pagase a pena vivila…
Veño duns grandes almacéns, onde atopei o Antonio Vázquez Liñeiro. Foi pouco o que falamos pero transmitímonos un segredo divertidísimo, que moito tería alegrado a certo anarquista que fixo historia.
Divertímonos porque non hai nada coma rir dos que non se decatan das mensaxes…
E tampouco hai nada coma ser novo e querer andar a contrafío:
Á porta dese centro comercial desmesurado, cheo de infinitos compradores, un grupo mínimo de rapaces facía flamexar un bandeirón negro e vermello e, con fondo de música de gaita, repartía panfletos e berraba consignas anarquistas (“O Nadal é un negocio e o capitalismo, un suicidio”, etc.)
Como se o século XX non fose un cadáver recente, volvían os mociños a teorías tan simpáticas coma a de que a producción debe vir gobernada pola demanda, e non a demanda forzada pola producción.
Cando a capacidade de informar e telecomunicar conduce no mundo ao just in time, á producción axustada para que non haxa sobrantes de nada nos almacéns das plantas de producción, eles seguen pola vella.
Aínda que non lles falte razón noutras cousas que din: tal o reparto indecente dos ben de consumo no mundo, e da riqueza en xeral. E a ostentación de quen ten enfronte a moitos que, nun sistema televisivo globalizado, poden descubrir a diferencia entre a súa miseria e a abundancia allea.
En fin, o dito: pena ter que morrer, e non chegar a ver canto resolvan estes “disidentes libertarios” do século XXI.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/01/2001]

Share

Deixar unha resposta