Os romanos (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/01/2001)

Cando isto escribo o temporal segue a azoutar con asaño, a terra xa non é capaz de absorber tanta auga como enche os ríos, medio país costeiro anda a tremer, aterecido, á espera de que a preamar e o refluxo acaben con todo, e seica só queda acudir á divina misericordia.
Estes días soubemos que na muralla de Lugo se está a ver a diferencia entre unha boa enxeñería e a chafallada do que veu despois. O que os romanos construíron resiste o temporal sen síntomas de decaemento en canto a parte falsa da construción, a que se fixo hai un século, esboroouse.
Para reconstruír, os técnicos de hoxe volveron á técnica dos homes de hai dous mil anos, na esperanza de que dure outros dous mil…
Recibo nova de Caldas de Reis por vía dun irmán ao que o Umia lle inundou os baixos das súas casas, e coméntame que hai por alí unha ponte romana “feita no propio sitio”, que nin impide o paso das augas nin está a sufrir en aparencia.
Comento isto con xente da construción e lémbranme o caso recente dunha poderosa riada mediterránea que, por Cataluña, botou abaixo un viaduto de autoestrada pero respectou unha ponte romana paralela.
E todo me fai pensar que o coñecemento das obras públicas e as poboacións vén de lonxe, que os romanos foron uns tipos peculiares, grandes construtores, dos que non soubemos herdar a capacidade de observación das estructuras físicas da Terra para adaptar a elas o destinado a perdurar; nin a de facer as obras a modo e a consciencia.
Claro que eles tiñan escravos, indíxenas sen lei de estranxeiría.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/01/2001]

Share

Deixar unha resposta