O Queixeiro (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/01/2001)

Hoxe sucedeume outra vez, na cafetería: alguén estrañouse de que eu repasase as necrolóxicas; e expliquei o porqué: porque na única ocasión de ser personaxe público, a do pasamento, moitas persoas optan por declararen o que lle importou ser nesta vida; ou como quixeron que as tratasen nela.
Os alcumes son comúns, pero ás veces dáse un caso coma o do señor de hoxe, que mandou escribir como falecera: canda os seus, todos xuntos e presididos pola santa esposa e mai…
Ben. A nota que segue ten que ver cos apelidos.
Hai pouco morreu un paisano de nome familiar estragado pola pronuncia bárbara (estranxeira) do castelán imposto.
O bo do defunto apelidárase Queijeiro, nome de oficio: facedor de “queijos” (derivados do leite) que non son “queixos” (mandíbulas); e mandou pór como alcume O Queixeiro, moi probablemente porque sempre oíu o seu nome de familia pronunciado correctamente e coidaba que era por amigable concesión…
A confusión dos galegos en materia de ortografía é abraiante. Hai quen se chama algo tan sonoramente propio coma Gens e non é capaz de pronuncialo galegamente; e mesmo coida que ten un apelido “inglés”. Na TVG non hai locutor capaz de pronunciar Rajoy como pronuncia Raxoi.
O raro é que habendo tanto filólogo, e sendo tan activa a Mesa pola Normalización, aínda ninguén comezase unha campaña de concienciación coma a que ao seu xeito, e apoiado por O Facho, lanzara Xosé María Monterroso Devesa hai décadas…
Raro, cando a loita práctica contra a diglosia é un desafío que supera o paso dos séculos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*