Moedas (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/01/2001)

Xa pasaron uns días da conta atrás da nosa pesetiña, moeda que presentada en realidade non deixa de ser máis ca unha lentella de aluminio, case etérea do pouco que pesa. Pero nesa conta cara a fin tamén están a lira, que nin décima parte de peseta é, e o marco orgulloso, sólido representante da confederación xermánica que Bismark conseguiu converter en xerente de Europa e adversaria do Imperio Británico no mundo.
Todo toca a fin nun grupo de países europeos que renunciaron a un dos dous elementos tradicionais da definición de estado: moeda e exército. Entregamos os nosos papeliños peculiares e estatais, polos que suamos e mesmo cometemos pecados e crimes, e trocámolos –uns en branco e outros en negro– polo polo euro común.
A Historia, se Historia fica por facer, non deixará de sinalar como os europeos fixeron bloque cun signo monetario, e co que ese signo comporta.
O que quizais fique para a intrahistoria –sempre interesante– son os infinitos casos que vaian acontecer como consecuencia do cambio de moeda.
Imaxínese só o que en España van sufrir todos os que naceron baixo o signo da peseta e con ela chegaron a anciáns: o susto que levarán cando vexan reducidas a case nada as súas pensións, e como se han agarrar ás cantidades e os billetes do pasado.
Imaxínense as voltas que vai dar na cabeza da xente nova o “euro”, tan conspicuo, ata dar algo de andar pola casa como “peso”, “pao”, “pavo”, “moca”, “libra”, “púa”…, calquera cousa menos o nome oficial.
E así en cada verdadeiro país da Grande Europa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/01/2001]

Share

Deixar unha resposta