Axendas (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/01/2001)

Nos cambios de ano hai un exercicio saudoso: o repasar axenda para recoller da que servira durante doce meses pasados o que seguirá vixente nos próximos. Por veces, un descobre ata que punto foi iluso, e, segundo a vidiña se nos vai escapando entre os dedos, podemos comprobar que pouco damos feito de canto nos ilusionou.
Pero, con todo, seguimos, escravos do propio vivir, prisioneiros na Boliña Azul, esmagadoramente soa no Universo…
Estreo axenda de Edicións Xerais, que o Manolo Batán me fixo chegar. A da nosa editorial é un exemplo claro do “metaestado” en que se debaten os soportes alfanuméricos da información cotiá: chea de recursos alén dos propios de diario, vén pór en dúbida a funcionalidade das axendas de ordenador; e mesmo a deses trebellos con nome que comeza por palm (en referencia á palma da man, que, curiosamente en inglés se di á latina) e que obrigan a escribir letras nun cadrado cun punteiriño.
Para esa viaxe non cumprían alforxas: para escribir, nada coma o papel.
Outra cousa é o uso combinado dos gravadores dixitais de tipo secuencial, para facer notas de viva voz que, no momento oportuno, poden escribirse en papel da axenda tradicional ou nos padróns de axenda de ordenador.
Tamén será outra o sistema que permita dictar para que o dictado apareza ordenadamente por escrito en memoria de ordenador, facilmente consultable a través de terminais móbiles con pantalla.
Xa se está a traballar nese tipo de axenda “ubicua”. Pero, claro, só recoñece unha fala: o inglés, fala de inventores.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*