O desexo (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/01/2001)

Chove con asaño diluviano e deixáronnos sos: á Irene, ao Gurú e a min.
Sentadiña na alfombra, a cativa entrégase a unha orxía de papel impreso: acada as revistas colocadas no andel máis baixo dunha librería e vainas tirando para o chan. Son exemplares do BIT, con foto en portada dos homes máis importantes das telecomunicacións. Por veces, a aprendiza de bibliotecaria para no seu frenesí e lámbelles as caras, que é a súa forma de bicar.
No entanto, o can mantense quedo, nun recuncho: gañou medo do temporal, desde hai días vive preto da xente pero sen se arrimar.
Eu tecleo, cunha dor que me apaga o riso: unha lesión vella vólvese manifestar. Terei que volver á muleta…
Acaba o ano e lembro a tertulia desta mañá no quiosco. Rimos ben da inocentada: o pasado 28, o Suso substituíu as follas centrais do meu diario polo MARCA, e as do xornal do Xabier Docampo por La Razón (como se ve, o rapaz tenos ben tomada a media aos clientes).
Na despedida, preguntaron os asistentes á rexouba de que ía ser o primeiro A voa pluma do 2001. Non respondín claro porque aínda non o sabía, pero agora xa o sei.
Desde o quiosco fun ver a Aixa, que non me atrevín a montar, pola dor do fémur. E no camiño, a escoitar outra tertulia -radiofónica-, oín como un interveniente formulaba o seu desexo, segundo lle pedira a locutora:
-Que no próximo ano ti, e outras moitas mozas máis, teñades un fillo.
Escribo logo: que rematen o egoísmo e a covardía das rapazas fértiles, para que siga a vida, aínda a custo das bibliotecas dos avós.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/01/2001]

Share

Deixar unha resposta