A gasolina (A voapluma, Diario de Ferrol, 31/12/2000)

Remata o ano e todas as vistas seguen postas nos prezos dos carburantes de automoción. Coma un agasallo propio das festas, baixaron os prezos, o cal dá folgos ás economías de todo o mundo.
Curiosamente, en España houbo unha recomposición rechamante, que ten a súa explicación: acurtouse significativamente –nun 50%– a diferencia entre o da gasolina sen chumbo e o do gasóleo, debido, segundo os expertos, a dúas razóns: a que aumentou a demanda de gasóleo porque cada día os motores de ciclo Diesel son mellores –máis eficientes e silenciosos– e porque ese combustible é máis caro de fabricar, polas esixencias ecolóxicas da Unión Europea.
Outra curiosidade é a de que as empresas suban e baixen prezos como collidas pola man. E a razón está no mapa: véxase onde se localizan as refinerías españolas, pénsese nos custos do transporte dos refinados e comprenderase o pacto: as refinadoras teñen España dividida entre elas; de maneira que fan o subministro nos seus territorios con independencia da marca, con camións propios ou alleos Findando ano, século e milenio non estaría mar preguntármonos por que non se producen masivamente motores de gasolina de “nova xeometría”, que reducen significativamente o gasto de combustible. E por que non proliferan os sistemas de propulsión híbridos:
En definitiva, por que non se forza a “curva de aprendizaxe” que abarata a aplicación das novas técnicas…
Esperemos que os próximos anos nos traian a solución do que o século XX non soubo resolver: a aplicación óptima da gasolina.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*