Memoria viva (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/12/2000)

Nos actos públicos os xornalistas cumpren co seu traballo. Pero, con frecuencia, ao destinado á hemeroteca fáltanlle complementos reservados ao cronista curioso…
Hai uns días pasaban por Ferrol homes comprometidos coa causa galeguista, membros da Fundación Castelao co seu presidente, Avelino Pousa Antelo, vello loitador que goza dun ben supremo, a saúde, xunto cunha luminosa memoria.
Convidados por un xornalista, Xermán Castro, un grupo de persoas que asistiran ao acto de conmemoración do cincuentenario da morte de Castelao foron dar coas súas ganas de parola nun mesón vasco con comida e bebida galegas e música de fondo andaluza.
Alí falouse e mesmo se cantou, porque don Avelino, en mostra de humor que provocou hilaridades, deu en lembrar unha peculiar versión do Cara al sol, que cantaban os soldados galegos durante unha guerra que non entendían e nun bando contrario aos seus intereses e ás súas conviccións: con música no himno falanxista, facían mofa da gasolina e os coches.
Sóubose de persoas e actuacións durante esa guerra, e ao longo da posguerra que arruinou as ilusións dos españois demócratas acusados de “separatistas” polos “separadores” dictatoriais. Xurdiron nomes como os de Elixio Rodríguez, Manuel Meilán, Rodolfo Prada, Henrique Santamarina
Pero, tamén, a memoria de Pousa Antelo deu para advertir sobre quen xogaba a galeguista na defensa do Estatuto na “España das autonomías” e agora xoga a centralista furibundo.
Alén de lembranzas, o presidente da Fundación Castelao conserva documentos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/12/2000]

Share

Deixar unha resposta