Debate (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/12/2000)

Dúas horas de chuvia xusticeira (algún pecado cometeriamos, Señor) entre a Coruña e Chantada, onde nos esperan o caldo, o bacallao e o viño da Ribeira Sacra.
Grande conversa de amigos que preside o anfitrión, Xosé Manuel Silva, home de vara alta en Bruxelas. O divino e o humano pasan sobre os pratos logo da benzón de don Pexerto, crego inspirado: “Que Deus nos dea pan, brazos para traballalo e corazón para repartilo”.
Sabemos logo que a Conchi Boo, cara linda e corazón valente da TVG e da CNN, deixa a capital de Europa: vai para Bolivia co seu home, como antes facían os misioneiros.
E, partindo das vacas tolas, móntase unha apaixonada discusión sobre os alimentos. O Silva insiste en que cómpre alimentar 6.000 millóns de persoas e non perder o rumbo: en España morre ao ano en accidentes da estrada moitísima máis xente cá imaxinable por inxestión de alimentos descontrolados.
Entramos nos transxénicos, e na soia; e acabamos concordando nun punto: se fosemos máis vexetarianos, máis comida habería para todos…
Á hora do café colombiano e os xarutos cubanos óese frase de quen mira as cousas desde un importante escritorio da Unión Europea: “O da tolería das vacas pode ser o comezo do maior debate da Historia sobre a alimentación”.
Oxalá.
E cando marchamos, unha frase máis: “Os problemas resólvense por solución ou por disolución, e o da encelopatía esponxiforme bovina leva o segundo camiño”.
Na estrada, a chuvia disolve a imaxe de dous coches esmagados e un camión envorcado… Acaba o ano: tempo ao tempo, señores.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*