Alá en Cuba (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/12/2000)

E seguen as conversas —oh, lindo tempo de Nadal diluviante— con lareira xenerosa e un superior viño do Porto, tan vello coma delicioso.
Fálase de Cuba: un desastre amable (que paga a pena de amalo). Calquera día morre o último vello gardián de historias no Centro Galego e, coa súa memoria, alá vai mesmo a dos símbolos —Himno e Bandeira— dunha Galicia afirmada no seu.
En Cuba non hai de nada porque o Ianqui non deixa, pero non falta xeito de facer as cousas. Un contertulio acaba de chegar de alá. Conta que sufriu unha multa por exceso de velocidade e, cando preguntou ao policía como o medira, a falta de radar, recibiu unha rotunda resposta: “Por experiencia, chico, por experiencia”…
Cuba de todos. Outro dos que mollan os beizos en cáliz de Porto sanguíneo conta o caso dun coñecido común que anda tolo coas súas descubertas sexuais, a punto de querer pedir a nacionalidade caribeña.
Primeiro probou cunha pastilla, romboidal e azul, enteira; despois foi baixando a dose e medindo o xusto para os tempos de actuación.
Daquela decatouse de que “amar é compartir” e comezou a pasar anacos de pastilla aos amigos cubanos… e foi o delirio, porque unha cousa é o tal do PPG, medicamento nacional, e outra o vasodilatador específico.
Agora, mentres aquí miramos o lume e oímos o azoute da chuvia, el alá ten un negocio que lle mantén os praceres. Vende pastillas potenciadoras e, cando se lle acaban, retorna aos lares patrios, recarga e volve a Cuba, a compartir.
E seica lle pagan en dólares verdadeiros.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/12/2000]

Share

Deixar unha resposta