Agasallo naval (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/12/2000)

Teño un amigo mariño con apelido monosilábico, toponímico e mariñeiro: Lens, punta que separa as praias bravas de Louro e Lariño, baixo o monte Rodeiro.
Como é común nos homes de uniforme que viron mar, compórtase con incomún elegancia. De aí que entendese o meu gusto como desexo e, en tempo de agasallos, me fixese un, espléndido.
Manifestáralle eu interese por un libro que agora se acha baixo a súa custodia, obra antiga, con data de 1801, que, polo establecemento militar a que pertence, obrigaría a lecturas in situ, difíciles para quen lle debe horas ao día. Por iso el a mandou fotocopiar e encadernar…
Comigo teño unha History of Marine Architecture “que inclúe unha visión ampliada e progresiva das regulacións náuticas e a historia naval, tanto civís como militares, de todas as nacións, especialmente da Gran Bretaña…”.
Unha delicia para quen soñe aventuras pasadas e por veces chegue a crer na transmigración das almas e na posibilidade de xa ter andado a súa en corpo dalgún mariño de outrora.
É imposible entender o Mundo sen a navegación, e a expansión das civilizacións europeas sen a madeira e a lona, sen cascos e velas que minuciosamente mandou deseñar John Charnock, autor do libro fotocopiado.
Escribiuse moito sobre a inmensa epopea da navegación pero aínda queda outro tanto por escribir -desde España, case todo; e, en particular desde Galicia, todo.
Xentes viradas ao mar, metidas na construcción de barcos, teñen dereito á fabulación. Esperemos que este agasallo axude a encher o baleiro. Gracias.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*