Velliños (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/12/2000)

Vivimos nunhas datas en que a xente se anda a xuntar, momento en que os que os maduros, entre fillos na mocidade e pais na ancianidade, se decatan de cómo é a vida en conxunto.
A esta situación que se vive ciclicamente, coincidindo co Nadal e a Fin de Ano, cómpre engadir outra, que se veu afirmando durante os últimos anos: as cousas de amor e sexo cada vez se tratan máis abertamente, e nelas se van incluíndo desde os pequenos que se inician ata os que considerabamos inhabilitados por vellos…
Nestes días fixemos repaso dos pais, e souben de dous casos que parten do mesmo punto, o falecemento do cónxuxe, compañeiro durante décadas.
No primeiro, sobreviviu o varón e os fillos tiveron que engulir a presencia dunha noiva de idade proporcional á do vello, home independente, con casa e servicios propios.
No segundo, foi a muller a que se achou viúva e soa nunha casa grande de aldea, polo que decidiu ir para a cidade e instalarse na dunha filla. Andou logo polas rúas da urbe, meteuse en diversións da terceira idade e colleu noivo (que mozo non se pode dicir), un señor que logo se afixo á residencia dela.
E aí xurdiu o conflicto -o dunha presencia allea- que a filla tivo que resolver cun razoamento sintético:
-Mamá, cando eu vivía na súa casa, vostede mandábame deixar o mozo e chegar ás dez, ¿non? Pois, como agora é vostede a que vive na miña, dígalle ao seu amigo que, as oito, rúa…
Os libros perduran pola súa xenialidade, e velaí as semellanzas de nenos e vellos que Erasmo pintou no seu Eloxio da Loucura.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/12/2000]

Share

Deixar unha resposta