Xanelas (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/12/2000)

Polas rúas da Coruña mozos negros camiñan vendendo gorros de Papá Noel. O gorros son vermellos, coma o resto da figura nórdica, innecesariamente importada dos Estados Unidos en país de Reis Magos. Vermello era o sangue callado do garda urbano dunha Barcelona que tamén cre nos Magos de Oriente.
España non ten paz en tempos de bobería pacífica e natalicia. Cun fondo de sangue provocado por asasinos aparece un vasco valente nestes pagos galegos sen terror (polo momento). É José Ángel Cuerda, alcalde que foi de Gasteitz no mapa da Euskal Herría total. Tróuxoo a falar o Instituto de Estudios Políticos e Sociais, e fala, contundente, cunha claridade capaz de causar arrepíos nos que enchen o local do Círculo de Artesáns: polas mentes corre a idea simple de que logo os axustizadores van saber o que dixo a setecentos quilómetros de distancia, e que…
O exalcalde de Vitoria confesa que a súa muller non lle deixa levar o lixo doméstico ao contedor pola noite, ou que alguén se viu obrigado a adherir ao carné vasco porque todos os membros da súa comunidade de veciños o fixeran. Conta detalles de tal xeito, e conclúe que o nivel dun país se mide polo grao de liberdade, non de ingresos.
Liberdade: eu vin escoitalo logo de conversar nos micros da COPE co Xosé Aguilar. Falaramos de ameazas aos que se expresan libremente, de portas que se lles pechan mesmo en democracia, e o Xosé dixera que, cando as portas se pechan, logo se abren xanelas.
As xanelas de José Ángel Cuerda –sen democracia alá– son estreitas fiteiras.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/12/2000]

Share

Deixar unha resposta