Lois Caeiro (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/12/2000)

Coñecino cando el era un rapaciño a teclear na redacción de El Ideal Gallego e eu un rapaz que colaboraba Desde a primeira liña, logo de telo feito Desde a última trincheira. Correron os anos e foi o meu xefe –xefe duro, que, nunha ocasión, me mandou “pasar por persoal” para que me desen o despido.
E aos dous déunolo a ousadía de Xosé Luís Barreiro, frustrando así as nosas carreiras na CRTVG.
Agora que reaparece na súa verdadeira función, de xornalista á fronte de El Progreso, quero, en primeiro lugar darlle os parabéns e desexarlle o mellor; e, despois, contar dúas anécdotas.
A primeira, a do despido: Había partido de fútbol, o sinal de televisión non daba chegado a terra e o director xeral da CRTVG medía os minutos de ridículo polas chamadas que facían os espectadores roídos da impaciencia; ata que chamei a París, ao centro do EUTELSAT. Alí atendeume un señor Dean, inglés, co que cheguei á aclaración. O sinal estaba sendo mandado á Galitzia do Leste, non á Galicia da Fisterra. Entendinme con el, corrixiuse o erro cambiando de “feixe” desde o satélite e non fixo falta botarme da Compañía.
A segunda, a do nome: Organizáronnos unha viaxe a Milán, colléronlle os billetes a nome de Lois Caeiro… e pasámolas negras para viaxarmos porque, daquela, aínda cumpría mostrar o pasaporte.
Con todo, xantando nos xardíns de Monza co Lazaroff televisivo, coñecemos un Berlusconi, baixiño e repeiteado, que vendía películas…
En fin, que me alegro, porque o tal Luís Rodríguez García, bipatronímico, é un bo compañeiro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/12/2000]

Share

Deixar unha resposta