Coches (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/12/2000)

Gústanme os coches; admiro os avances técnicos que se inclúen neles e as invencións e adiantos que rodean a súa fabricación. Pero preocúpame que sexan unha paixón fatal da xente.
Nestes días andei por Vigo vendo a marabilla da fabricación de coches desde os puntos de vista da informática e a loxística. Aprendín de “plataformas” e “comunidades”, e souben da batalla de competencias que leva a deseñar e pór na rúa os novos modelos cada vez en menos tempo: o que antes custaba tres anos, agora ha de custar só dous para poder seguir competindo.
Pola teima de andarmos ás carreiras, a industria do motor é (valla o tópico) un motor de industrias…
Estiven a calcular a relación entre o que gaña un rapaz que comeza a traballar e o que paga para manter o coche; e cheguei á conclusión de que o sistema de vida que move o motor dos motores é absurdo, porque forza a xente moza a permanecer na casa dos pais, para así poder pagar o vehículo co que casou.
Seguindo coas contas, mirei con matrimonios novos o que gastan en manteren os pequenos e os coches e fiquei abraiado: un meniño custa en mantenza a metade dun coche sen moito equipamento.
Aínda máis: hai coches que custan máis ca vivendas, e hai dabondo vehículos con luxo medido que superan con moito os gastos de alugueiro de casas, mesmo en barrio caro (véxanse as listas do renting).
Non nego a miña fascinación polos coches, pero coido que algo neles anda mal. Que a súa economía tiránica non pode ser sostible, e menos cando se basea na do petróleo, toda volubilidade.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*