One Drop Law (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/12/2000)

Quen andase polos Estados Unidos de América, percorréndoos de parte a parte, ben poderá ter observado dous tipos humanos que se repiten con especial densidade dentro do conxunto da poboación: os gordos e os mulatos.
Na melting pot, pota das fusións fracasadas, hai estrañas cantidades de persoas obesas de todas as procedencias menos a asiática e, dentro da colored people (xente de cor) aparecen menos “negros puros” que aclarados.
Xente grosa ou de pel escura non teñen nada que ver, pero as súas imaxes fican na memoria do visitante como elementos inseparables da realidade norteamericana.
E o curioso desa sociedade onde todos os amaños son posibles é que, mentres aparecen gradacións analóxicas de gordura, sen embargo, a cuestión da cor é dixital. Calquera que non sexa branco, é, simplemente, black.
Moi ao contrario do que acontece en Cuba, outra terra de escravos africanos, na que se fala de mulatos, cuarteiróns e ata de mulatos blancazos.
Ou ben distintamente ao Brasil, onde un tipo tan branquiño coma Jorge Amado se ri de si mesmo chamándose “branco da Baía”, a pensar que na terra belísima de Todos os Santos ninguén se salva dos xenes africanos.
Nos poderosos USA as cousas son doutra maneira, ao punto de que ao Colin Powell -moreno claro- xa o estean a colocar nos altares por ser o primeiro black que chega á condición de superministro.
E é que nesta España de limpezas de sangue esquecemos que os ianquis tiveron a súa One Drop Law, Lei da Única Gota -pinga de sangue negro que valía para mudar todo de cor.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*