Raposerías (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/12/2000)

Na fin de semana pasada caín na trampa da televisión en horas de película, que os meus fillos ollaban na paz dos sofás. Observei que vían El Zorro en versión moderna e, levado de lembranzas infantís, fíxenlles compañía ata que a colección de incongruencias da montaxe presidida polo Banderas e a Zeta-Jones me fixo abandonar –xusto como facía de pequeno cando non daba crido os milagres en cartón pedra do cinema.
Funme logo de ver un cabalo furioso a tirar portas abaixo a golpes cos cascos dianteiros, como se fose un elefante. Era de máis, e seguín coas miñas escrituras.
Iso foi no sábado, e no domingo saín ao monte en rica cabalgada xunto do meu amigo Waldo dos Laranxos. Día espléndido para a equitación, só contaba co inconveniente dos cazadores, que fan moito barullo e non cobran pezas, por miraren para elas a rente do chan, cando desde a montura é como se poden ver ben.
Así vin eu un raposo lindísimo, coa súa cauda típica, de manchas brancas e negras a seguiren o corpo castaño coma un ronsel de liberdades.
Véndoo lembrei o mito de El Zorro, e pensei no carácter do animal, capaz de causar admiración por astuto e desprezo por ladrón; aínda que, segundo un veciño dos vales de Arteixo, “máis rouban outros con dúas patas”.
E velaí a anécdota: a cabalgada do domingo debía pasar polo cruceiro de Bregua, lugar que segue a chamarse así aínda que xa non quede nada do que durante séculos lle xustificou o nome.
Roubárono. E, como dixo o Waldo, “tan ladrón é quen leva as pedras coma quen llas paga”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/12/2000]

Share

Deixar unha resposta