Falcatruada (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/12/2000)

Malia a caída da bolsa, as cifras ruíns da inflación e as novas de asasinatos, a vontade de vivir non desaparece, e con ela remoza o humor.
Son estes días derradeiros de ano, século e milenio moi apropiados para celebracións solidario-gastronómicas, nas que se xunta a xente que traballa cóbado con cóbado todo o ano.
De feito, a noite en que se celebraba a correspondente ao Diario de Ferrol este cronista cotián xa tiña comprometida a súa presencia noutra, e tivera que rexeitar dúas máis, que son moitos os choios en que anda.
Á que acudiu tiña razóns académicas de fondo e prometía desde o principio ser divertida, coñecendo o persoal asistente —que logo se dividiu por idades en dúas zonas ao longo da longa mesa común.
E non tardou en demostrarse o espírito de chanza e brincadeira con que nos xuntabamos.
A cousa partiu de que un severo catedrático con moitos coñecementos da fisioloxía e anatomía pediu que se lle cambiase a botella de tinto ribeiro por outra de rioxa.
Visto o cal, houbo máis xente que reclamou o cambio, baixo o ollar preocupado do responsable das contas, que vía vir os extras.
Pero logo houbo quen se dispuña a alivialo da pesadume de tales pagos, enchendo, por baixo da mesa, botellas baleiras de rioxa co ribeiro sobrante —botellas que correron co engano sen que ninguén protestase e para esmendrelle de risa dos que estaban no segredo.
Foi, sen dúbida, unha falcatruada que lembraba as das residencias universitarias, de inmensa saudade. E correu a cargo —como non— dos máis vellos da xuntanza.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/12/2000]

Share

Deixar unha resposta