Disciplina (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/12/2000)

Vin hai moito unha película que me impresionou fortemente, malia o que non lle lembro o título. Pero si recordo o que narraba, con intensidade arrepiante na escena principal:
Un militar profesional inglés recibe orde de liquidar sixilosamente un suposto dobre axente, da resistencia francesa e da Gestapo. En voo nocturno é lanzado sobre territorio de Francia e, axudado polos paisanos que apoiaban aos resistentes, chega ao encontro do home que debe matar.
Para o oficial británico resulta un choque terrible o ver un suxeitiño amable, manifesto patriota francés, que o acolle como a un compañeiro na loita contra o invasor odiado. Na consciencia do militar establécese unha loita grave, entre o cumprimento do deber e a total ausencia de razón para matar a quen lle parece inocente, e por quen sente inmediata cordialidade.
Pero imponse por cima de todo a disciplina. Como lle ensinaran na escola de comandos, apuñala a súa víctima en canto lle tapa a boca. E, cando percibe que o infeliz agoniza, levanta a man e escoita del non unha maldición senón unha pregunta repetida, cada vez con menos forzas: “Pour quoi? Pour quoi?”
O militar volve á súa vida guerreira e continúa a ver atrocidades na fronte de batalla, mais xa o persegue para sempre, coma un pesadelo, o “por que” que nunca sabería responder…
En fin: logo de escoitar novas de asasinatos por razóns que chaman políticas, sempre me pregunto se algún dos asasinos terá visto ese filme.
E respóndome que non, porque son moi novos. A guerra foi cousa dos seus avós.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/12/2000]

Share

Deixar unha resposta