Odisea (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/12/2000)

Atopo unha xenerosa caixa enviada polo Víctor Rico, home de imaxe no Banco Pastor. Contén exemplares dunha axenda ilustrada, de título cinematográfico, Galicia 2001, a odisea do futuro. Quito un, folléoo e logo corre pola miña mente unha máis das intrahistorias que fan a vida.
Iniciouse hai dous anos cunha chamada do Moncho Sabín, fotógrafo da tribo ferrolá, que leva a retratar Galicia desde hai trinta anos. Faloume de escribir limiar e pés de letra a unha axenda-guía do Camiño de Santiago, e a resposta foi sí: porque me gusta esa función auxiliar para unha das dúas artes que máis envexo –a fotografía e a música, linguaxes sen palabras.
Fixémoslle aquel choio ao Pastor e vimos caras de satisfacción nas persoas que o recibiron. Por tanto, pagaba a pena recuncarmos, e recuncamos. Pero desta volta cun reto: a institución quería dar azos ao Impaís desfalecente. Se o 1 de xaneiro do 2001 vai comezar un novo milenio (xa sen discusión), cómpre transmitir fe, unha fe bancaria, medida, cuantificable.
A aposta por Galicia ficaba definida nas instantáneas do Sabín, e do Ovidio Aldegunde, de tan xermánico apelido. Reproducían Galicia e a súa proxección no mundo, mesmo con toques vindicativos, como o retrato da ponte arcaica do camiño de ferro sobre o Miño…
Foi doado tentar o traballo de síntese, coa intervención dun personaxe incomún, o Henrique Sáez, compañeiro de xuvenís aventuras galeguistas, partidarias. Humanista dos cartos, director xeral, marcou puntualizacións.
Esperemos que así se cumpra o obxectivo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*