O embigo (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/12/2000)

O comunicante neste caso é unha personalidade ben coñecida, político caracterizado polo seu facer arreo sen dicir o que está facendo, ata que os resultados cantan. Hai días atopámonos en público e, nun momento de proximidade sen oídos curiosos, díxome:
-Sigo as túas columnas, porque ti vas ao embigo das cousas –e,segundo o facía, adiantaba un dedo indicador en xesto indubidable, o de dirixilo a un embigo como a frecha vai á diana.
Despois aclaroume que lle gusta todo o que vai directo a algures, o cal logo se lle coñece a el polas obras…
Vén esta anécdota ao conto de que o mundo é grande, todos collemos nel e nada xustifica o criticarmos a maneira de se expresar de cadaquén. Non teñen por que valer as mesmas fórmulas nin para quen emite un discurso nin para quen o recibe.
Haberá xente á que un artiguiño xornalístico lle suxira un café recendente e matinal xunto cun sorriso; pero outras persoas asocian o colleren nas mans un diario en momento de calma, fóra do traballo, coa súa necesidade de expresar a crítica contra moitas das falcatruadas que ocorren nesta Boliña Azul Viaxeira e Solitaria -da que mesmo lles gustaría apearse, se non fose pola soidade do planeta no universo.
De feito, por veces un atopa persoas sen vaidade dabondo como para quereren escribir o que os críticos vaidosos publican, coincidente de cheo cos seus pensamentos e sentimentos…
En fin: no encontro mencionado esquecín comentar ao político que non é o mesmo disparar contra o embigo alleo que ollar para o propio, como tantos fan.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*