Latim em pó (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/12/2000)

“Latim em pó”, ou “Latín en po”, frase escrita de distinta maneira pero que soa da mesma, porque é de lingua común, o “romance ibérico occidental”, que se fala desde a Fisterra de Europa ata o Timor nunha illa asiática que quizais coñeceu o vello Sinbad retratado por don Álvaro Cunqueiro.
Galego no mundo: latín en po. Un galego —como diría Ernesto Guerra da Cal— “é un portugués en terra colonizada”. E, se cadra, e o espírito da lingua, convertido en espectro acusador, é o que leva algúns galegos a provocaren encontros universalistas coma o que estes días de chuvia infinita tivo lugar en Santiago.
Pero un galego tamén é un español por forza de realidades que claramente definiu Alexandre Herculano, o historiador portugués, e que tan claramente redefiniu Xosé Sánchez Bugallo, o rexedor compostelán:
Son oito séculos de historia separada. A lingua galega é un milagre de pervivencia, nun pobo sen nobreza nin elites, que (ao dicir de Sánchez Bugallo na inauguración dos encontro galego-luso-africano-asiático-brasileiro) perdeu dous millóns de persoas, emigrantes, en cento cincuenta anos.
Pero poden ficar aínda mil primaveras máis segundo don Álvaro, e cómpre aproveitar o tempo, comezando cun esforzo de mutuo coñecemento.
Sen dubidar dos froitos, que, de principio, son caras de abraio de xente de mundos incriblemente diferentes ao oíren a fala propia dos galegos; ao sentiren sons dun país moderno, europeo, creador, que aínda vibra con agudezas de gaita nas pedras santas da cidade-tumba de Prisciliano.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*