Marketing (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/12/2000)

Chovía en Compostela xa con desgana cando comezou un encontro interesante, organizado pola Asociación para la (sic) Formación Empresarial de Galicia (AFEG), co título de Marketing (sic, de novo) en la Nueva Economía.
Nunha mostra de desprezo lingüístico propia dos galegos (que nunca farán empresa de verdade por falta de idioma firme de expresión), e con axuda do resto dos españois defensores da lingua de Nebrija en versión moderna (Spanglish), puidéronse oír intervencións aclaratorias do que todo o mundo está a ver: que o comercio electrónico non funciona, e que a internet é a penas un máis dos instrumentos que se aplican ao comercio…
Resulta curioso que ninguén lle puxese freo ao cabalo desbocado das empresas “punto com”, que se ofrecen ao mundo como se todo fose acontecer cun toque do botón ao rato diante da pantalla do ordenador.
Xentes experimentadas, traídas por Francisco Cal, puxeron no Hostal dos Reis Católicos os puntos sobre os is: aquí houbo moito encher de aire os globos de empresas sen base real para logo lanzalas á captura de diñeiro incauto de xogadores de bolsa -cando en España non funciona a compra pola interrede por falta de costume de comprar por catálogo, e pola a eterna chafallaría hispánica (ofrécese en pantalla o que non se dá entregado).
Aquí quíxose copiar o modelo americano. Pero a diferencia está en que os inmigrantes dos Estados Unidos aprenderon a ler inglés nos catálogos, que desde hai século e medio lles chegaban á casa puntualmente (como os artigos comprados).

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/12/2000]

Share

Deixar unha resposta