Colonizados (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/12/2000)

<

p align=”justify”>Días de vacación e encontros. Estiven cunha irmá que tenta ensinar inglés a rapaces incapaces de se expresaren na propia lingua. Falamos dos desastres do ensino en España; e dos países que, paradoxicamente, unen a miña irmá ao idioma que ensina: Irlanda e Gales, víctimas inmediatas do colonialismo inglés.
Ela ten a vivencia que dá a residencia e, co que ela me contou, revivín memorias de viaxeiro.
En Irlanda tivo unha patroa que sempre andaba a reclamar “os condados do norte” argumentando que o Ulster era “terra dos nosos antepasados”. A señora, incapaz de falar a lingua dos primitivos donos de toda a illa esmeraldina, defendía, sen embargo, que os rapaces fosen nos verán aos poucos lugares onde aínda se usa o gaélico naturalmente, para o adquiriren por inmersión. Sentíase moi satisfeita desa mostra de vontade nacional; e segura de que, con tal comportamento na veciñanza, o IRA nunca ía deixar por alí ningún dos seus “agasallos” explosivos.
En Gales, a patroa estaba moi pagada da súa condición de cidadá británica, e disposta a facilitar a cantos hóspedes lle chegasen a aprendizaxe da lingua inglesa, que ela articulaba daquela maneira, cun denso acento galés a facer honra ao seu apelido. Esta señora sempre mostraba grave preocupación polo terrorismo e o separatismo en España…
Mirada ben, a Europa das minorías e das minorizacións é un mosaico de eivas, utopías, enganos e miserias morais: algo semellante ao retablo de complexos no que se debaten as “nacións maiores” da Unión que non se dá consolidado.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*