Da pesca (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/12/2000)

A narrativa galega ten grandes baleiros que encher: un deles —sempre se di— é o da emigración, o das “outras Galicias” que conforman a do Impaís global. E, ultimamente, óese unha lamentación entre os narradores: estamos a chegar tarde, cando todo é mortes de vellos, que van para a cova coas súas aventuras.
Pero hai outros ámbitos da vida galega que aínda non tiveron o correspondente reflexo nun corpo narrativo falto de boas historias, das que, cun pouco de arte para narrar, se converten en agradable lectura.
Un deles é o da pesca, a epopea dos homes que enfrontan o mar coa convicción de que só a habelencia para navegar os pode salvar da agresión incansable das ondas. E as vivencias asociadas ás deles: as das familias, as das vilas viradas de cara ao mar; mesmo as de personaxes alleos ao elemento líquido e perigoso: labregos que se alugaban para remaren, coma galeotes, en troques dunhas moedas para a redención das súas terras ou a compra de pasaxes para as Américas.
Pouco hai desta parte da Historia de Galicia contada por fabuladores (ou sexa: historiadores daquela bonita maneira). Pode haber unha docunovela de Valentín Carrera, e algo que se anuncia novo…
Visto como van o mar e a pesca, vendo a “reconversión” que vai acabar con tanta vida mariñeira, non estaría mal comezar a entrevistar pescadores ociosos, dispostos a narraren de viva voz o que poida converterse en fábula escrita.
E cómpre cerrar capítulos antes de que os bancos saharianos sexan dominio natural de buques robotizados made in Holland.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*