Gravadores (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/12/2000)

Quen dubide de que as descubertas científicas convertidas tecnoloxía produciron benestar é que anda cego.
Lembremos, no eido da literatura, os “saltos cuánticos” que supuxeron a máquina de escribir, primeiro, e, despois, o ordenador cos programas de tratamento de textos na optimización da enerxía creadora.
Pensemos, tamén, no do xornalismo, o que supuxo o magnetófono como recolledor de realidade sonora e o que suporía despois o reducido gravador de fita en contedor (o vulgar “casete”)…
Pois ben, señores, agora hailles un novo invento, fillo da dixitalización: o gravador de estado sólido, sen máis partes móbiles que unha rodiña coa que se escollen os elementos gravados.
Como lle mostrei a Xermán Castro, agora levo comigo un deses trebellos, que collen na palma da man (hai un que ten forma alongada e irregular, para encaixar na man cerrada) e permiten a toque de botón e roda rexistrar sons durante unha hora antes de serlles descargada a memoria.
Pero o mellor do invento (xaponés) é que cada rexistro de son é independente dos demais, e pode ser gardado en arquivos numerados de diferentes “carpetas”.
Con esas capacidades e un micrófono de lapela, é ben doado ir gravando ideas das que xorden en calquera momento -desde notas de axenda ata frases para artigo, por exemplo- e fican á espera de seren transcritas.
Agora só falta que nin transcribir sexa necesario: que do gravador -vía programa de identificación de voz- se faga a descarga no ordenador.
E iso é o que se está a preparar para un idioma: o inglés, claro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*