Lotería (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/12/2000)

Non todo o mundo se foi de ponte. Nas calmas do temporal, a xente saíu á rúa e fómonos atopando, con humor: houbo quen dixo que ficara na cidade para ter conta dela.
Sucedéronse convites a “botar un chanqueiro”, para acabar falando das vulgaridades que, en suma, constitúen a vida que non pasa á Historia.
Unha delas é a lotería. Houbo señoras que levaban no bolso coleccións de papeliños, uns orixinais da Lotería Nacional e outros copiados e certificados. Falouse de sortes, e xurdiu nos ollos a expresión de cobiza que move a lotería -que ten algo de meter a man na ola dos cartos de todos…
Unha das historias contadas ao respecto que máis chamou a atención de quen isto narra é a dun pai de familia con cinco fillos en idade de estudiar, directivo ben pago dunha empresa mais ao que non lle sobraba soldo para alegrías.
Seica nunca xogaba á lotería porque tiña o trauma de ter visto o propio pai, funcionario apertado para criar seis fillos, sempre a xogar sen gañar máis que pedreas. Pero un día a sorte cruzóuselle en forma de regalo de billete, por parte dun subministrador da empresa. E caéronlle do ceo case cincocentos millóns de pesetas.
Daquela, logo de cobrar, reuniu toda a familia directa nun banquete e fixo un brinde polo pai, xa falecido. Dirixíndose a el na explicación, cumpriu o que o ausente prometera facer se gañaba a lotería: entregou a cada irmán un cheque de dez millóns de pesetas.
E terminado o reparto, rogou: “A partir de agora, non me pidades máis”…
En fin: no ter e no faltar coñécese a xente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*