Liberadas (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/12/2000)

Teño unha amiga que sempre ri de min cando lle digo que España é unha supranación construída sobre a intolerancia cultural e relixiosa, abocada por tanto a un conflicto gravísimo se os africanos que invaden a Península ás caladas non se dan asimilado aos nosos costumes.
Aínda máis, que os xeitos das mulleres españolas son competitivos cos dos varóns e conquista conxunta de ambos os sexos desde hai moito (velaí ese “Vosotros nos privais de los estudios por envidia de que os excederemos; de las armas, por temor de que sereis vencimiento de nuestro enojo…” do supostamente misóxino Quevedo).
Os “machos ibéricos” levan séculos de mala consciencia a daren pasos cara á igualdade coas mulleres. Seica falta moito para que sexa total, mais nunca decaeu a vontade de avance. Se o franquismo supuxo un retroceso en relación á República, na democracia recuperouse o tempo perdido…
Escribo isto despois dun xantar e unha cea de restaurante.
Durante o xantar, dúas corentonas divertidas botaron para a andorga grandes racións de marisco, un entrecosto ao roquefort e unha botella de ribeira do Douro. Entre prato e prato, fumaban. Falaban de homes e celebraban a sinatura dun “contrato da hostia”.
Á cea, tras dun biombo, un fato de mociñas armaban a máis terrorífica das algueiradas, con cantos, berros e repenicar de teléfonos móbiles. Estaban nunha despedida de solteira -que remataron botando cara a nós, homes todos á nosa mesa, pezas de roupa interior…
Imaxinemos esas maneiras -sen irmos máis lonxe- en Marrocos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*