A dona Fina (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/12/2000)

Recibo amable carta semianónima, asinada por unha dona Fina que, polo estilo e o contido, non debe ser a Fina Roca. A comunicante dime que estou a estragar os meus “talentos de escritor” escribindo “siempre contra personas e instituciones”; e recoméndame “dejar de hacer burla de los apellidos del mejor alcalde de España”. Finalmente, pregunta pola miña neta Irene e mais pola Greta, a cadeliña do club hípico…
Como supoño que ha de interesar a algúns lectores asiduos destas vaidades trazadas a voapluma, e porque a carta (con mataselos de Pontedeume) se orixinou a partir do aparecido na columna presente, vou tentar darlle resposta desde aquí:
En primeiro lugar, moitas gracias por ser lectora “a diario” do que escribo; e por se manifestar, se cadra en contra do escrito.
Canto aos meus posibles talentos e como usalos, permítame unha anécdota:
Hai moitos anos no pazo de Mariñán, nun sarao literario topeime con don Domingo García Sabell, quen me preguntou como andaba.
-Pois, xa ve, como sempre, a contrafío -respondinlle.
Daquela el bateu unha cariñosa palmada no meu ombreiro e sentenciou:
-Pois xa vas tendo idade para poñerte a fío.
Cadaquén estraga a vidiña como lle peta, e vivimos en liberdade, ata para criticarmos os que os aduladores conseguen convencer da súa infalibilidade (caso do antigaleguista Velázquez, a quen pouco critico como alcalde)…
Canto á Irene, está linda coma un caravel de cen follas e xa bate palmiñas.
E Greta éme agradecida coma bo can pastor, que sabe apreciar agarimos de mans amigas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*