Sangría (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/12/2000)

Acuso recibo dun libro interesante, chamada de atención sobre algo grandioso: a emigración galega ás Américas.
Trátase de Os escritores galegos e Iberoamérica, editado pola universidade de Vigo baixo a responsabilidade de Maximino Cacheiro Varela.
O libro naceu do convite a falar na facultade de Filoloxía de Vigo feito aos que aparecen nomeados, e só merece unha crítica: a ausencia nesa nómina de algún escritor con intensas e prolongadas vivencias americanas, como, por exemplo, Xosé Neira Vilas (para despexar dúbidas, quen isto subscribe está)…
Galicia, como di Cacheiro no limiar, desangrouse en Iberoamérica: Cuba, Venezuela, Brasil, Uruguai, Arxentina… Alí trasladou a súa profunda conciencia nacional; desde alí quixo facer polo país de referencia e mandou diñeiro para escolas nas que se preparaban rapaces para emigraren mellor.
Hoxe non se salva ningún galego de ter parentes alá (fóronse máis cós que aquí viven) e alá hai países onde os descendentes de galegos son lexión (na Arxentina, oito millóns calculan).
Foi unha epopea da que está todo por escribir; comparable só á dos irlandeses nos Estados Unidos, pero cunha grande diferencia:
A Irlanda desangrada bule e medra polo refluxo americano. É un país europeo independente ao que os ianquis apoian como cabeza de praia dos seus desembarcos na Unión Europea —mentres que a Galicia só lle quedan indixencias no fracaso histórico iberoamericano.
Coitados dos galegos: deixáronse colonizar polos casteláns, en canto aos irlandeses os colonizaban os ingleses.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*