Novos pillos (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/12/2000)

Nun descanso do temporal, só azouta o vento; a chuvia parou e o mar toma unha cor sucia, de fondos revoltos. Tres homes en idade de seren avós, mais activos e ben dispostos, falan de construír entre olladas á paisaxe, tan gris que nin deixa ver os ocres do arboredo.
Fan anecdotario e comentario da prexubilación, un termo que hai tempo paira sobre as súas carreiras profesionais sen que, por fortuna, dese pousado nela.
Sábese da conversa que non é a administración a que máis víctimas produciu. Seica o patrón público só é culpable do vinte por cento dos “caídos”.
Un oitenta por cento débese ás empresas privadas, principalmente os bancos, que procederon a poren na rúa “xente vella e cara” en troco de xente “nova e agresiva”. E fixérono con actitudes inhumanas, de axexo e apupo, que arrastraron empregados a depresións das que non se repoñen.
Tamén se sabe de como se está a levar o asunto noutros estados, como os Unidos de América, nos que -fronte a alegría despedidora de España- se ve o fondo na “pension pot” por culpa da lonxevidade e da caída da natalidade. Por eses mundos, para adquirir dereito á plena xubilación comézase a esixir a permanencia no posto de traballo ata os 67 anos…
E a conversa remata co caso dos novos infractores da lei: prexubilados que, no mellor momento de discorrer con axuda da experiencia, se deciden a delinquir. Por dúas razóns: para demostraren que aínda son válidos, e por vinganza contra o sistema lles impide traballar.
Eles, con luva branca, son os pillos do novo século.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/12/2000]

Share

Deixar unha resposta