Empeixar (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/12/2000)

Ventarrada e chuvia, anuncio de inverno con friaxes que están a conxelar a economía. Vento e auga marcan trazas de enerxía renovable que Galicia pode explotar, pero tamén anuncian un país de herba, que “medra mesmo entre as pedras” como di un enxeñeiro agrónomo e amigo.
Chove, funga o vento, ameazador, e faise duro saír a dar paseos a cabalo. Por iso, con certa preguiza por parte do afeccionado á equitación, ten lugar unha conversa entre os membros fixos da tertulia quiosqueira: o Suso, o Óscar, o Xabier e o relator dos feitos.
O tema -doado, porque está nas portadas dos xornais que compra o público do quiosco- volve ser o das vacas tolas, e a repercusión sobre a economía primaria, que en Galicia se afunde (seica, tamén, cae o negocio dos polos).
Na terra onde sempre se deu a boa vitela, criada naturalmente, agora todo se vira desgracia por culpa de prácticas na crianza dos cuxos que inventaran outros, de terras máis frías, con menos sol aínda que chuvia non lles falte.
Os tertulianos propoñen voltar á crianza pola vella, con leite, herba e millo, se cadra máis lentamente pero con garantía de saúde. Nada de se render ao Imperio, que, logo de coñecermos o emperador (cincocentos votos máis ou menos en Florida), vai contratacar coa soia.
O Xabier alerta sobre o millo e advirte de que os xatos, postos a roer, comen ata as pedras do hórreo. Pero recoñece que algo cómpre facer porque o peixe é doutros.
E porque o natural é a carne xa que, como lle dixo un colega portugués, “Deus encarnou, mas não empeixou”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*