Alcumando (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/12/2000)

Segundo o ano académico avanza e se pasa o ecuador do primeiro cuadrimestre, corre polos ambientes universitarios “de Ciencias” un desánimo xeral, ante a falta de coñecementos básicos que mostran rapaces. Pero disto falaremos outro día, que fican moitos para laiármonos.
Ora, á calor desas ignorancias quizais encaixen certos comentarios…
Responde Ramón Reimunde a unha nota a voapluma referida ao Paco Cascos e envía copia dun artigo valente, como todos os seus en El Progreso, no que cualifica os intervenientes no último simposio sobre Carballo Calero.
Reimunde, agora home de Letras, foi como os irmáns Álvarez Cascos, os Vidal Romaní ou quen isto escribe, formado nun bacharelato amplo, que daba para sabermos Latín e Matemáticas; e para mantermos vivas na mente as referencias que levaban mesmo á crueldade culta.
Paisano dos Cascos era o director do colexio maior en que residiamos os antes mencionados, frade dunha orde dedicada ao ensino secundario que se estreaba dando aloxamento a rapaces universitarios.
Tiña un ollo de vidro, e era un perigo ao volante do seu SEAT 1500 de puntiagudas formas. Pequeneiro e moi botado para adiante, fíxose logo acredor de alcumes nos que salientaron os inventados polos de Ciencias:
“El Antimonioso”, porque a fórmula dese óxido, lida en castelán, soa como “ese be dos o tres”; e “el Complejo”, porque o número complexo “ten unha parte real e outra imaxinaria”…
En fin: hoxe os nosos alumnos non serían capaces de entender tales maldades. Nin, moito menos, de inventalas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/12/2000]

Share

Deixar unha resposta