Boa carne (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/12/2000)

Fun gozar dos manxares do meu amigo Manolo de Serantes, e observei que non recendía á boa carne do restaurante.
Inquirín logo e respondeume o xefe que, desque se armou o rebumbio das vacas tolas, os clientes só lle piden peixe, “aínda con todas as garantías que dá o carniceiro”. E mostroume un documento a especificar como as carnes do establecemento pertenceran a cuxos sacrificados con nove meses de idade…
Chove sobre mollado. Ás crises do leite e do peixe únese a da carne para axudar no afundimento das produccións primarias de Galicia.
Con todo, cumpriría distinguir, e levantar cuestións:
Se o mar onde os galegos pescan é doutros, mala sorte; pero a terra de Galicia é aínda dos que a foron recibindo por partillas, e nela poderían gobernarse.
Aínda máis, aquí é costume comer unha carne de animal tan novo que non ten gusto (alén de que non se saiba cortar nin serenar), o cal, sendo desvantaxe ata agora, veuse converter en garantía contra a doenza.
Pero a xente está totalmente estupidizada pola televisión (que fan outros, desde Madrid) e non cavila nos intereses que haxa detrás dunha operación contra a carne europea. Fálase moito do “prión” e dos “tests” (ou sexa “probas” dito á inglesa), pero non se di nada dunha planta moi rica en proteínas chamada soia, da que teñen case monopolio mundial os norteamericanos.
E tampouco se oen suxestións sobre criar gando en Galicia con recursos propios —como algún día se fará (por iniciativa estranxeira, se cadra) para o uso racional das leiras que hoxe están a monte.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*