Ceas (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/12/2000)

Hai tempo nunha cea, vin como o Xosé Luís Méndez Ferrín só comía un prato e marchaba, segundo dixo a seguir ceando noutro lugar próximo. O importante desas ocasións non é a comida senón a compaña, e Mestre Ferrín soubo daquela resolver o compromiso.
Con máis sorte ca min, porque hai pouco tamén me coincidiu de estar convidado a dúas mesas ao tempo; mais cunha separación grande: en Compostela cos escritores ibéricos que recibiran o premio Rosalía Castro e na Coruña co Isaac Díaz Pardo, quen falara no clube financeiro sobre a Galicia do século XXI.
Logo de dar clase en Elviña, canso e pasadas as dez da noite, decidín ser prudente e ficar na Marineda ártabra. E, con pena do falado en Santiago, gocei dabondo coas conversas coruñesas, moitas e con temas tan variados coma as eleccións nos Estados Unidos, a vida no feudo de Velázquez y Velázquez, a televisión dixital, a crise arxentina, etcétera.
Do falado fícanme con peso na memoria as referencias do Manuel Rivas á corrente subterránea que está a esboroar o sistema electoral americano: o voto dos que “está mal” que voten. Tamén, un rebento do inconsciente colectivo coruñés que un taxista transmitiu ao Antón Reixa: o medo a que a refinería estoure “e non poidan circular as ambulancias”. E, finalmente, a disposición de Xosé Díaz a considerar unha teoría xeneticista sobre a decadencia da Arxentina, xa exposta por Eugenio Cambaceres nunha novela exemplar do naturalismo…
En fin, para o próximo convite dobre propoño unir mesas por videoconferencia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/12/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*