Fillos propios (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/12/2000)

Días atrás fixen unhas notas sobre o que considero de xustiza: as pensións selectivas, en función do número de fillos habidos.
Supuxen o asunto importante, pero non esperaba que tanta xente se chegase a interesar por el.
Foi moita, e curiosas as interpretacións do escrito que cadaquén fixo. Mesmo as puntualizacións:
Díxoseme seriamente que a miña proposta tiña fallos: o de que alguén se atribuíse paternidades de fillos espurios e non propios para ir acumulando puntos á hora do retiro; o de que aumentase o número de mais solteiras e de nenos abandonados logo de rexistrados; etcétera.
Respondín que, se os lexisladores quixesen, logo se poderían introducir controis para cualificar a paternidade, desde irresponsable (e, por tanto, non considerable á hora da xubilación) ata plenamente responsable (e totalmente considerable).
O que ningún pai de familia me negou é un argumento básico: se o pobo non quere seguir existindo, entón que, alén de non ter fillos, proceda ao suicidio en masa. Se quere seguir vivo, que os teña; e, por seren un ben colectivo, que a colectividade premie a quen fai o sacrificio de aturar esas criaturas noxentas que só dan desgustos e seica custan un millón de pesetas no primeiro ano de vida…
Un dos amables comunicantes destes días foi Xoán Pérez Lema, quen me deu certos datos ao respecto:
O primeiro, que o presente andazo de esterilidade ten as súas orixes no existencialismo dos anos 60.
O segundo, que antes diso facían fillos mesmo os homosexuais disimulados; e os cregos –con disimulo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/12/2000]

Share

Deixar unha resposta