He dito (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/11/2000)

Non pense o lector paciente que o título deste artigo ten erro, do autor ou mesmo de quen compón o xornal. Outramente, é intencionado.
Estes días andáronse a repasar a vida e os milagres de don Ricardo Carballo Calero, quen me distinguiu coa súa amizade e me agasallou con confidencias que algún día han de aflorar.
Don Ricardo puido ser poeta ou romancista, sabio das literaturas ou grande profesor; mais, para min, era un enxeñeiro do idioma: deductor e aplicador de leis que converten a fala nun instrumento de comunicación coherente.
En canto os homes de Letras loaban a súa figura, eu viaxaba polo seu Impaís insensible; e, por non perder o costume, escoitaba a única radio que fala galego, a RG.
Viaxaba, escoitaba, e imaxinaba como habería de sufrir o autor de Scórpio oíndo frases ao xeito de “había falao”, “han feito” ou “hemos dito”, que introducían persoas da máis distinta procedencia cultural, convencidas se cadra de estaren a falar a lingua patrimonial do pobo que morre porque lle peta.
Curiosamente, os galegos sempre se distinguiran por non conxugaren os tempos co auxiliar haber cando tentaban imitar o castelán. Pero a forza dos medios de comunicación masiva está a virar a situación ao punto de que é tentando falar galego cando o fan; e mesmo usando formas puramente castelás como “hemos” ou “he” en lugar de “habemos” ou “hei”.
Como dicía don Ricardo cando falabamos de diglosia, “o castelán é o que cómpre aprender e galego é o que non importa esquecer”.
Por iso se consuma o lingüicidio.
He dito.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/11/2000]

Share

Deixar unha resposta