Paco Cascos (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/11/2000)

Contaba onte como, na teima das telecomunicacións, tiven que viaxar de Ferrol a Viveiro pola costa; e de Viveiro á Toxa, o cal fixen pasando pola Gañidoira.
Adiantei que houben morrer, e este é o momento de facer relatorio:
Ascendendo ao cume do cordal que separa a Mariña da Terra Cha, a néboa fíxose tan mesta que me vin obrigado a reducir marchas ata a segunda; e alá onde don Quixote tolearía de novo, a sentir o funguido periódico das aspas dos aeroxeradores, a morte veu contra min en forma de cuadrúpede: un fato de cabalos cruzárase na estrada, na curva máis indicada para me precipitar ás fonduras de Pazos de Viveiró.
Aínda me dá arrepíos a lembranza dos espectros equinos na brétema, e sinto un gozo de sobrevivente nese camiño onde me ten pasado de todo, desde os tempos en que se iniciaba o grande proxecto industrial de San Cibrán…
Ben: acabo de falar co Ramón Reimunde, home de ciencias e letras, mariño mercante e catedrático de Galego, fidalgo silvicultor que, unha vez máis, me asegura da enorme riqueza en potencia do norte que preside o Cabo Ortegal, a bisbarra peor comunicada de Galicia en relación ás súas capacidades productivas.
E, vista a discordia da Transcantábrica, non sería mala cousa que un compañeiro noso, nos tempos de colexio maior en Madrid, se deixase convidar á casa grande de Basanta, en Alfoz, onde mora o Reimunde, para lle explicarmos catro verdades.
A ese compañeiro, asturiano e estudiante de enxeñería de Camiños, chamabámoslle daquela Paco Cascos, aforrando o Álvarez patronímico.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/11/2000]

Share

Deixar unha resposta