Telecomunicacións (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/11/2000)

O día 24 de novembro do ano 2000 ficará marcado con forza na miña memoria. Coa mesma forza do vendaval que varría un país rugoso e arbóreo marcado nos mapas como Galicia.
Tres compromisos fixéronme viaxar: o traballo de todos os días en Ferrol, unha conferencia en Celeiro e un acto de compañeirismo na Toxa.
A xornada comezou ás 7 da mañá propia e acabou ás 3 da seguinte; e houben morrer na estrada -pero ese asunto ímolo deixar para outra nota a voapluma…
En Celeiro falei do que cómpre pór a bordo dos barcos de pesca, tan pobres en materia de telecomunicación con respecto aos de guerra, verdadeiras plataformas de transporte de sistemas telemáticos.
Na Toxa nomeábase a Secundino Mauriz membro de honra da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, e cheguei tarde ao acto, como tamén á entrega do premio que leva o nome de Xerardo García Campos; mais puiden apertar amigos que quixeron facer do Impaís algo de país para se presentar no mundo.
Faltou á cita das telecomunicacións galegas unha ministra que algúns chaman “Anna la intrusa” pero non faltaron nin don Manuel nin Xesús Pérez Varela. E unha vez máis fomos dar coa realidade dura coma o temporal que afundira un pesqueiro fronte a Sálvora: Galicia e os seus políticos queren acompañar as suxestións dos enxeñeiros.
Con todo, na era do teletraballo, esta rexión periférica non deixa de ser productora de carne para a emigración.
O éxodo continúa, e non hai motivos de ledicia. A batalla creadora de García Campos e poucos máis non se dá gañado.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*