De deseño (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/11/2000)

Diluviaba, como sempre cando, ultimamente, vou cara a Galiza Bracarense. Ao saír do coche, molleime e, antes de entrar no auditorio, quixen arrimar algo quente ao corpo.
Seguín o cheiro do café e topei cun mostrador e un grupo de mozas, entre as que unha chamaba poderosamente a atención. Porque parecía “de deseño”.
E fagamos paréntese aclaratoria:
O suceso tiña lugar no centro de transferencia tecnolóxica de Braga, o IDITE Minho; e a ocasión de xuntanza viña dada por algo que ten que ver —case todo— co deseño: a roupa.
Presentábase unha colección de pezas de robótica entre as que salientaba o “alfaiate electrónico”, un sistema capaz de tomar as medidas do corpo de calquera cliente e, logo de recibir as indicacións artísticas do deseñador, converter medidas e ordes en patróns: marabilla que, como os programas de procesado de textos, non só non tira o traballo do creador senón que o axuda para crear mellor…
Mais, volvendo á rapaza, non sei por que feminina razón, as colegas tocaron na beleza exótica que mostraba; polo que ela aclarou o seguinte:
É mozambicana, filla de portuguesa “branca” e de “mestiço de negra e indiano”, segundo as propias palabras.
Segundo a oía, víñame á lembranza o escoitado na radio durante a viaxe: un relato en vivo —e en portugués— da vida cotiá na Guiné Bissau. E dei en pensar que Portugal é o país da Europa que máis tempo leva a recibir productos da mestizaxe africana.
Máis tempo e con menos trauma: porque soubo portuguesizar as colonias suavemente, co propio sangue.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/11/2000]

Share

Deixar unha resposta