Eucalipto (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/11/2000)

Contaba onte que, mentres mataban a un home valioso, eu falaba de terror cun amigo; e hoxe veume á cabeza outra parte da conversa, provocada por unha columna a voapluma de días atrás.
Non todo o que falamos Xabier Docampo e eu na noite aciaga de Ernest Lluch foi tan horrendo coma a guerra que ninguén quere declarar nin concluír.
Tamén tratamos dunha planta que se adoita demonizar, como o nacionalismo non coincidente coas fronteiras das nacións-estado. Falabamos do “arcolito” das nosas infancias.
Escribira eu que a árbore tropical australiana é beneficiosa, como fonte de excelente madeira se for tratada con xeito, e o Docampo deume a razón, pondo límites: o eucalipto ten o seu sitio na Gallaecia que volverá ser selva, como no tempo dos romanos. Só que non debe estar nas últimas fragas que quedan.
Asneira atroz é eucaliptizar a do Eume, por exemplo, cando -a seguir os razoamentos do Xabier- máis cartos se quitarían dela converténdoa nun parque para visita de científicos, estudiantes e xente de refinado gusto.
E estou de acordo co meu colega das letras cando di que o eucalipto é de tan curta vida na Galicia como para non ter dado arbóreo apelido.
Verde terra, reino do quercus dos biólogos, de aquí saíron infinitas familias de nome Carballo, Carballa, Carballiño…, como outras se chaman Abeleira, Piñeiro, Pereira, Salgueiro, Maceira, Pexegueiro, Castiñeira, Toxo, Ameixeira, Teixo, Figueira, Freixo, Nogueira, Cerdeira, Oliveira…
En fin: dentro duns séculos, veremos. E oxalá que a entón chegue vivo o Impaís.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*