Amargura (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/11/2000)

Como todo o mundo deu en lembrar o que facía cando morreu Franco, coido que cómpre o irmos contando o que estabamos a facer cando morreron outros.
Cando Carrero Blanco voou, eu traballaba na filial española dunha empresa de belo nome italiano, Generale di Telefonia ed Elettronica. Mandaba na fábrica don León, un señor maior, de bos modais; polo que pareceu incrible o vérmolo saír fungando do escritorio en canto berraba a un empregado de mantemento, que escoitaba a radio empoleirado nunha escada: “Antonio, Antonio, déjeme el transistor”.
A xente creu que o vello toleara, pero logo tiñamos entre nós a nova que daba arrepíos: un compañeiro galego, o Ferreira, era xenro dun militar con peso e coñecemento, quen o chamou para lle contar que a tal “explosión de gas” fora o que foi…
Cando este día asasinaron a Ernest Lluch, e con el martirizaron a razón e a intelección de España como un todo diverso e civilizante, eu estaba no meu escribidoiro, ricamente a falar cun amigo dos que non deixan dúbidas: Xabier Docampo.
Sendo as horas en que o profesor Lluch se decatou de que o ferro ía cuspir chumbo contra o seu cerebro válido, Xabier e eu ollabamos, abraiados, un papel que incita a non comprar productos vascos.
Se foi ás dez e vinte da noite cando se interromperon as funcións vitais do profesor catalán, nese momento, logo dos filosóficos whiskies habidos, erguíase Xabier e collía camiño da casa cun aceno de preocupación no rostro.
Quizais coma o meu, porque nos amarga que nada se poida recompor a forza de palabras.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*