Recargas (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/11/2000)

Cae sobre Compostela o diluvio universal. Pero os edificios sólidos da capital do Impaís permiten unha boa vida interior; e os servicios de telecomunicación da comunidade extrema do Continente fan doado manter unha longa mesa redonda transmitida por videoconferencia a diversos lugares.
O Centro Multimedia de Galicia convoca a falar da confluencia da telefonía móbil cos servicios de Internet, do avance dos negocios desde o terminal personalizado, “adherido” a cadaquén.
Homes que teñen ao seu cargo o desenvolvemento das redes de teléfonos móbiles contan como está a medrar o negocio, a punto de que -como se sabe- o número de abonados ao móbil supera en España ao dos abonados ao fixo. E non para de medrar.
Principalmente porque cada novo día xorden novas técnicas que nos van conducindo á “perpetua conexión”…
Nun determinado momento da longa conversa, alguén pregunta qué se está a facer cos telefoniños vellos; e éntrase nos seus destinos -tales como as ONGs.
E aí xorde a anécdota:
Seica en Marrocos aumentaron grandemente as vendas de móbiles en zonas onde non hai servicio de enerxía eléctrica.
Intrigados os responsables do negocio, deron en investigar como cargaban as pilas dos teléfonos os habitantes deses lugares remotos pero con cobertura de radiotelefonía.
Para viren descubrir o xeito de satisfaceren a necesidade:
Un jeep “enerxizador” circulaba polos poboados trocando baterías gastadas por outras cargadas. E cobrando o equivalente a uns cinco pesos por carga…
O asunto é que os humanos damos todo por fabular.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/11/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*