Moteiros (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/11/2000)

Nas cousas do deporte, como en tantas outras, hai gustos dabondo, e cadaquén pode facer o que lle pete —sempre que non haxa prexuízo para os demais.
Por veces chama a miña atención o moito que teiman os señores da protección civil contra os xinetes que se internan nas praias en tempo de tomar baño, como se os cabalos fosen facer grandes estragos nos bañistas.
E, sen embargo, ningunha prevención vexo que se tome contra os cazadores (que nada teñen que cazar, porque non queda un mísero coello) a circularen agachadamente nos montes percorridos polos ciclistas, os moteiros e os partidarios da hípica.
Nin tampouco vexo que ninguén faga as advertencias correspondentes aos das motos que (e como dicía, cadaquén ten os seus gustos) andan en máquinas infernais, facendo barullos espantosos, vestidos da maneira máis rechamante e —iso é o peor— enxordecidos polo ruído do escape libre e polo illamento do casco…
A cousa é que o pasado domingo tiven proba de ata onde é conflictivo ese deporte peidorrento:
Indo a cabalo cun grupo de xente moza e algareira, escoitei que se nos acercaba de atrás unha moto pola congostra en que auñaban as nosas cabalgaduras.
Sendo eu quen cerraba a marcha, o derradeiro, parei e vireime para facer advertencia ao motorista de reducir a velocidade para nos dar tempo a afastármonos e deixarlle paso.
De el non vir xordo, tería oído o tropel e así evitaría o perigo. Mais só minorou a marcha cando se viu esnafrarse contra os peitos da fiel e serena Aixa.
Por fortuna, non houbo accidente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/11/2000]

Share

Deixar unha resposta